Infraestrutura verde da área da Coruña

A área da Coruña reúne as condicións idóneas por abarcar unha gran variedade de hábitats (litorais, fluviais, urbanos, bosques), espazos naturais protexidos, patrimonio cultural (Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade, BICs) que conviven cunha elevada densidade de poboación e un notable desenvolvemento económico, ao que hai que engadir algunhas experiencias previas, como a da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A Infraestrutura Verde da área da Coruña será unha proposta de ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental, na que se definirá unha rede de zonas naturais e seminaturais que servirán para protexer a biodiversidade e proporcionar e potenciar os servizos ecosistémicos (purificación de auga e aire, fixación de CO2, fertilidade do solo, paisaxe, etc).

Nesta área identificaranse unha serie de actuacións para mellorar os espazos ambientalmente estratéxicos e os corredores ecolóxicos, combinando a conservación da natureza co desenvolvemento económico sostible e o uso social (creación de bosques en ámbitos degradados, eliminación de barreiras e infraestruturas grises, planificación de zonas de inundación, melloras na xestión de auga, etc).