Membros do proxecto

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio – Instituto de Estudos do Territorio

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural exerce, entre outras funcións: O fomento de medidas de desenvolvemento socioeconómico dos espazos naturais protexidos; A divulgación dos valores do patrimonio natural; a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestres, das paisaxes naturais e dos elementos senlleiros da xea da Comunidade Autónoma galega; A promoción da defensa integral da natureza e dos elementos que a compoñen; A conservación específica dos espazos que compoñen a Rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia ou doutras zonas de alto valor ambiental, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

Pola súa banda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, organismo creado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, e cuxos estatutos foron aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro, exerce, entre outras funcións:

  • A realización de investigacións metodolóxicas, bases de datos e indicadores para o seguimento do desenvolvemento territorial de Galicia, co obxectivo de alcanzar a xestión dinámica das súas paisaxes.
  • A realización de análise e diagnósticos e a formulación de propostas e alternativas para a ordenación e xestión do territorio desde unha perspectiva global de fronte ao desenvolvemento sustentable e a cohesión territorial de Galicia.
  • O impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, a fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión e ordenación anteriormente sinalados.
  • Así como a posta en marcha de instrumentos para a protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia.

http://cmaot.xunta.gal

Fundación Juana de Vega – Escola Galega da Paisaxe

A paisaxe é obxecto dunha crecente atención social nas sociedades avanzadas nas que Galicia se vai integrando. En consonancia con esta realidade, a Fundación Juana de Vega realiza desde hai algúns anos, directamente ou en colaboración con outras entidades, diversas actividades neste eido. A importancia das actividades de formación e investigación relacionadas coa paisaxe, recomendaron que a Fundación agrupase a súa acción específica con obxecto de potenciar e mellorar a súa eficacia.

Para elo, creouse a Escola Galega da Paisaxe, un órgano interno da Fundación, dotado dun marco estable e formal, con orzamento e medios propios, que lle permiten acadar os seus obxectivos. A Escola Galega da Paisaxe, constitúese polo tanto como un órgano da Fundación Juana de Vega, encargada da organización, desenvolvemento e xestión das actividades relacionadas coa paisaxe.

A Escola Galega da Paisaxe ten por obxecto promover o estudo, a investigación, a formación, a difusión e o intercambio de coñecemento, e a sensibilización e concienciación da sociedade en materia da paisaxe e en temas con ela relacionados. Na procura dos seus obxectivos, a Escola fomentará a colaboración coas administracións públicas, as universidades, os centros de ensino, as empresas, os medios de comunicación, os colectivos profesionais e a sociedade en xeral.

http://juanadevega.org

Fundación Instituto Tecnológico de Galicia (ITG)

O ITG foi constituído en febreiro do ano 1991 como fundación sen ánimo de lucro polos Colexios Oficiais de Arquitectos; Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos e Enxeñeiros Industriais de Galicia. Ademais dos tres membros fundadores, forman parte do Padroado da Fundación o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia, os Vicerreitorados de Investigación das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e a Xunta de Galicia.

O ITG destaca na realización de actividades de investigación, así como a colaboración coas administracións públicas en materia tecnolóxica, o desenvolvemento da tecnoloxía, a divulgación dos avances tecnolóxicos, así como a prestación de servizos á administración pública en todo o referente ao estudo, investigación ou aplicación da tecnoloxía e a súa regulación, colaborando na transferencia de resultados de investigación entre organismos públicos e privados.

O Centro ten impulsado numerosas iniciativas de I+D+i, e participado en numerosos proxectos e consorcios nacionais e internacionais de I+D+i nas áreas da eficiencia enerxética e a sustentabilidade do territorio. Dende esta perspectiva, ven desenvolvendo e validando dende o ano 2006 metodoloxías e solucións tecnolóxicas para una xestión máis eficaz da integración da planificación territorial e a xestión eficiente da auga potable e o saneamento. A través destas solucións avaliáronse impactos do cambio climático ou de novas solucións urbanas sobre as infraestruturas existentes ou sobre a propia dispoñibilidade do recurso natural (auga). Finalmente atesoura unha prolongada pericia no eido do transporte e mobilidade.

http://www.itg.es/

Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos – Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

A Asociación de Desenvolvemento Rural “Mariñas – Betanzos” constitúese no mes de xullo do ano 2008 como Grupo de Desenvolvemento Rural coa finalidade de ser o núcleo de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos, tanto públicos coma privados, interesados en promover o desenvolvemento do territorio de actuación. O ámbito territorial da asociación abarca 17 concellos: Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Curtis, Culleredo, Miño, Irixoa, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

A estratexia de desenvolvemento concibida pola Asociación ten como obxectivo final a valorización do territorio, incidindo na mellora da calidade de vida da poboación local a partir da valorización do patrimonio natural, cultural e do fomento da cohesión social, e dende o ano 2013 é a entidade xestora da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Polo tanto, a atención céntrase en desenvolver e aplicar modelos para a sostibilidade mundial, nacional e local, e para que as Reservas da Biosfera sirvan de lugares de aprendizaxe onde os decisores políticos, as comunidades científicas e de investigación, os profesionais da xestión e os colectivos implicados traballen en conxunto para converter os principios globais de desenvolvemento sostible en prácticas locais apropiadas.

A superficie da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” abarca gran parte dos concellos da área metropolitana da Coruña e ten entre os seus obxectivos mellorar a conservación ambiental e a información sobre os recursos naturais desta área xeográfica, obxectivos que coinciden coa finalidade da infraestrutura verde.

http://marinasbetanzos.gal/