Obxectivos

Neste proxecto a área de Coruña será obxecto dunha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental, na que se definirá unha rede de zonas naturais e seminaturais deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade e proporcionar servizos ecosistémicos: purificación da auga e do aire, almacenamento de carbono, fertilidade do chan, aforro de enerxía, adaptación ao cambio climático,…

A definición destes espazos ambientalmente estratéxicos servirá de base para a concreción de actuacións como corredores ecolóxicos en canles fluviais, prácticas agroecolóxicas en zonas agrícolas, ecoaldeas, proxectos de mellora paisaxística, melloras na xestión da auga, creación de bosques en ámbitos degradados, planificación de zonas de inundación, espazos verdes urbanos eficientes no uso de recursos e con funcións ecolóxicas, etc.

Ademais dos evidentes beneficios ambientais e paisaxísticos, e a súa repercusión na mellora da saúde e o benestar social, a experiencia europea, e así o manifestou a Comisión Europea (CE), demostrou que as solucións de infraestrutura verde son rendibles e contribúen ao desenvolvemento económico, fomentando enfoques innovadores e creando novos negocios ecolóxicos, sendo as empresas pequenas as principais impulsoras da ecoinnovación. Segundo a CE, os empregos verdes xa representan o 5% do mercado laboral, un mercado que se verá reforzado con estas actuacións, favorecendo o impulso dunha economía e un emprego de calidade.