Con motivo da celebración da Semana Verde da Comisión Europea (EU Green Week), o día 25 de maio ás 10:30 h. celebrarase no Monte San Pedro (A Coruña), a xornada Infraestrutura Verde da Área da Coruña.

A Semana Verde da Comisión Europea é o maior evento anual da axenda medioambiental de Europa e este ano está dedicado ás cidades, para explorar como a Unión Europea está contribuíndo a mellorar as cidades como lugares para vivir e traballar. Co título Cidades Verdes para un Futuro Máis Verde trátase de destacar os avances en materia de calidade do aire, auga, ruído, xestión de residuos, natureza e biodiversidade, así como de implicar á cidadanía nesta visión dun futuro sostible.

Dentro do programa da EU Green Week a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza un evento sobre a Infraestrutura Verde da Área da Coruña, como exemplo de planificación ambiental estratéxica nunha área urbana.

Se estás interesado/a en participar resulta necesario confirmar a asistencia, dado que o aforo é limitado, mediante correo electrónico a secretaria.iet@xunta.gal ou no teléfono 981 541 755 / 981 541 756.

Para máis información podes consultar o programa da xornada.