O pasado 27 de outubro de 2017, no Auditorio da Fundación Barrié, na cidade da Coruña, celebrouse a presentación oficial do proxecto da Infraestrutura Verde da Área da Coruña. Neste evento, inaugurado pola Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio Beatriz Mato Otero, contouse con Luis Andrés Orive, Director do Centro de Estudios Ambientales, que expuxo a experiencia de éxito desenvolvida co Anillo Verde de Vitoria-Gasteiz, unha iniciativa ambiental que durante anos leva acadando premios internacionais e o beneplácito da sociedade.

Con posterioridade, Pedro Calaza Martínez comentou os beneficios que producen as infraestruturas verdes na saúde, co caso de estudo da Coruña, e Inés Santé Ribeira presentou a Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia.

A continuación, os diversos socios do proxecto de Deseño da Infraestrutura Verde da Área expuxeron os traballos dos que son responsables dentro da iniciativa.

Dende a Escola Galega da Paisaxe e a Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre de Urcola, repasou as accións sobre a análise preliminar e o estado da arte, diagnóstico do territorio, a análise da conectividade actual dos espazos de valor natural e a delimitación do ámbito da infraestrutura verde. Por parte do Instituto Tecnolóxico de Galicia, Carlos Calvo Orosa, presentaron os avances dos traballos realizados con respecto as estratexias de mobilidade sostible e enerxías renovables. Por último, desde a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, Jorge M. Blanco Ballón, expuxo as acción desenvolvidas no que se refire ás propostas en espazos rurais e naturais e o proceso de participación pública e divulgación.

A xornada contou con máis de 190 persoas asistentes de múltiples sectores; universidades, institucións e administracións públicas locais, provinciais e autonómicas, empresas privadas, colexios profesionais, técnicos municipais, cofradías de pescadores, entidades culturais, sociais e ambientalistas, centros de investigación ou técnicos de distritos forestais.

Presentación proxecto 2

Presentación proxecto 3